O Coliseum da Coruña continúa avanzando coa súa programación musical para este ano 2022. Este luns, 31 de xaneiro, saen á venda as entradas para a actuación de Melendi, que presentará na cidade o seu último traballo, ‘Likes y cicatrices’, o 22 de outubro.
As entradas estarán dispoñibles a partir das 12.00 horas a través de melendioficial.com, Ataquilla.com e a billeteira da praza de Ourense. O concerto do cantante asturiano é unha das grandes citas programadas para este ano no Coliseum. Melendi comezará a súa xira estatal o 7 de maio e fará un repaso da súa xa extensa carreira musical. O artista conta con 25 discos de platino, máis de 5 millóns de oíntes mensuais en Spotify e millóns de seguidores nas súas redes sociais.
O seu último traballo, ‘Likes e Cicatrices’, converteuse no número 1 en vendas desde o seu lanzamento e conta con colaboracións como a da galega Miriam Rodríguez ou Carlos Rivera. Os primeiros adiantos do disco foron ‘La boca junta’, ‘Likes y cicatrices’, ‘Simplemente dilo’ e ‘El último habitante’.
O Coliseum da Coruña afronta un ano 2022 moi ilusionante, cunha ampla axenda de eventos musicais. Cabe destacar, entre outros, a actuación de C. Tangana o 26 de febreiro, nunha das poucas datas do artista en España. Tamén regresarán ao recinto grandes nomes da música nacional como Fito & Fitipaldis (18 e 19 de marzo), Leiva (30 de abril, Joan Manuel Serrat (8 de xullo) ou Malú (17 de setembro). Completan a oferta Van Morrison (31 de marzo), Il Divo (15 de xullo) e o Resurrection Day (8 de outubro).
O Coliseum da Coruña, xestionado polo Concello a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), experimentou durante o pasado ano un incremento do 22 % no número total de asistentes, en concordancia co inicio da recuperación dos niveis de actividade en canto ao número de eventos programados.
No ano 2021, con 24 eventos executados e un total de 26 funcións, o balance de asistencia foi de 37.696 usuarias e usuarios, o que supuxo unha media de 1.571 asistentes por evento e unha porcentaxe de ocupación media do 82,6 % da capacidade, o que indica¡. Este dato reflicte a interese do público pola actividade programada, así como a elevada fidelidade coa actividade do recinto, ante moi diferentes casuísticas sanitarias.