A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto recibiron hoxe na casa do Concello a representantes da Federación Española e Galega de Fútbol para darlles unha cálida benvida á cidade con motivo da celebración da Copa do Rei Xuvenil, que se disputará no Anxo Carro, os días 13 e 16 abril.
A rexedora resaltou a aposta do Concello de Lugo, que colabora nesta competición, por potenciar todas as modalidades deportivas, especialmente entre a mocidade co fin de inculcarlles hábitos de vida saudable. Pero tamén, “buscamos atraer ao municipio competicións que nos sitúen no panorama nacional para que o deporte sexa tamén un revulsivo social e económico”. Neste senso, destacou que “Lugo quere ser sede de campionatos outra vez, agora que comezamos pouco a pouco a recuperar a normalidade tras o parón da pandemia”.
Ao encontro no Concello asistiron o presidente do CD Lugo, Tino Saqués; Michel Martínez, coordinador das categorías inferiores do RC Celta de Vigo; Sergio Ferreiro, delegado de equipo do Real Betis e Efrén Castro, Deputado Provincial de Deportes.
O Campionato de España Xuvenil – Copa da súa Maxestade o Rei, tamén coñecida como Copa do Rei Xuvenil, é un torneo de fútbol xuvenil de España, de ámbito estatal, organizado pola Real Federación Española de Fútbol.