A rexedora de Lugo, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, puxeron, esta tarde, a disposición da cidadanía o novo Parque da Avenida das Américas, recentemente reformado.
O recinto reabría as súas portas completamente remodelado, logo dun investimento de 38.000 euros co que o Executivo local procedeu á modernización desta dotación "moi empregada pola veciñanza da contorna como zona de encontro e de lecer", sinalou Lara Méndez.
A alcaldesa puxo en valor o traballo que dende o Concello se está desenvolvendo para mellorar os parques públicos da capital "aos que queremos dotar dunha identidade propia e diferenciada, estudando e aplicando novos conceptos urbanísticos e paisaxísticos que redundarán, sen ningunha dúbida, nunha maior calidade de vida nos barrios: a nosa principal prioridade na transformación de Lugo, especialmente dende a chegada da pandemia".
Durante o acto, Lara Méndez e Miguel Fernández convidaron á rapazada, un dos colectivos que máis gozará destas instalacións, a unha merenda saudable, que se distribuíu coa máximas garantías sanitarias, "porque a alimentación é tamén un piar estratéxico da sostibilidade, cando se trata do consumo de produtos de proximidade, e unha peza fundamental na dinamización económica do municipio e na proxección da gran calidade que ten a nosa materia prima", engadiu Méndez.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, lembrou que se trata da primeira área de xogos infantís da cidade que conta cun pavimento destas características "o que marcará unha liña a seguir para futuras intervencións". O firme dos parques adoita ser de caucho liso ou de herba artificial, porén "como novidade, nesta ocasión, optouse por instalar un firme colorido, con figuras e xogos impresos no propio pavimento que incrementarán as posibilidades de lecer das crianzas", explicou.
O edil referiu tamén que a actuación responde ás demandas que os residentes na zona lle trasladaron ao Concello.
"A rexedora deu resposta, así, á súa petición de substituír a superficie de area por un novo pavimento de caucho, máis seguro e acolchado para comodidade dos nenos e nenas. Igualmente, executáronse traballos no conxunto do recinto que se levaron a cabo en tres fases nas que se abordou a reparación do firme e dos elementos de xogo existentes que tamén se lixaron e pintaron, se procedeu á reposición do valado perimetral de madeira, así como á instalación dun novo xogo para os máis pequenos, alén de humanizar a contorna reparando os bancos, incrementando o número de papeleiras e habilitando unha cancha de baloncesto ao carón do parque", relatou o responsable de Medio Ambiente.
Con esta intervención, o Goberno de Lara Méndez leva investidos máis de 600.000 euros nos parques infantís da cidade durante os últimos dous anos entre os que destacan o novo parque de Novo Freire, o ubicado entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla, a cubrición do de Augas Férreas ou as melloras que se executaron no de Rosalía de Casatro e na zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño.