A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro Mauricio Repetto, asistiron esta tarde a unha charla inspiradora impartida polo cineasta Oliver Laxe e a ilustradora María Gar no IES Sanxillao, dirixida aos alumnos e alumnas que están a participar en ‘Xuventude Crea’, proxecto de ocio creativo lanzado polo Concellería de Xuventude.
A iniciativa busca formar a mocidade nas artes plásticas e audiovisuais, propiciando ao mesmo tempo a investigación e a creación, “sen limitar as súas capacidades físicas ou psíquicas”, sostivo a rexedora, que engadiu que “se trata de converter os centros educativos en museos onde se impulse a autonomía do alumnado, que se vai a encargar desde a produción da obra, até o comisariado e a montaxe”.
“Neste proxecto, que é a primeira vez que se desenvolve en Galicia, prima a integración ao permitir que rapaces que proveñen de diferentes contextos sociais e outros con diversidade funcional se formen e cren xuntos”, comentou.
No programa, enmarcado nas actividades do ‘+Xti, subvencionadas polo Plan Nacional de Drogas, participan 40 alumnos do IES Sanxillao, o Colexio Fingoi e da Fundación Juan Soñador.
Semanalmente, o alumnado traballa nas distintas disciplinas artísticas: pintura, fotografía, vídeo, escritura creativa e danza. Nas clases colaboran profesionais e autores xa consagrados, a maioría lucenses ou afincados na provincia, tales como Oliver Laxe, María Vázquez, Davide Salvado, Maria Tome, Laura la Montagne e María Gar, que comparten as súas experiencias artísticas e imparten varios talleres.
Os mozos e mozas participantes xa exploraron sobre as súas inquietudes vitais a través da narrativa, as artes visuais, plásticas e a música creada por eles mesmos, e tamén debateron as súas propostas creativas sobre unha cidade máis adaptada aos mozos a través de maquetas, de instalacións que xeren debate ou intervencións urbanísticas.
Será no mes de xuño cando se transforme a escola nun museo no que, tras un traballo de exploración, os propios creadores e alumnos seleccionarán o material máis interesante, textos, esculturas, debuxos e murais, máscaras, etc, para comezar a montaxe da exposición, así como a súa comunicación con carteis, dípticos e roldas de prensa deseñados por eles mesmos para atraer aos visitantes unha vez que se abra este espazo á cidadanía.