O Concello de Pontevedra ten previsto iniciar as obras de transformación da avenida Raíña Victoria nun skatepraza este xoves, 8 de setembro. Así o confirmou esta mañá o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez que adiantou que será "unha instalación de última xeración que máis que un skatepark é unha skatepraza".
Explicou que para o seu deseño houbo que facer un traballo de investigación para determinar que tipo de pezas serían as máis acaídas para un espazo urbano como Raíña Victoria. Dado que existen poucos espazos como este, houbo que deseñalas especificamente para este lugar.
A fabricación das pezas xa está en marcha, e este xoves comeza a creación da superficie na que se instalarán. O skatepraza estará entre os pasos de peóns da avenida Raíña Vitoria que levantará a calzada á altura das beirarrúas con asfalto. Entre a rúa Palamios e o paso de peóns do Instituto Sánchez Cantón tamén se fará unha plataforma única pero con formigón puído. Levará bordillos con ramplas que impedirán o paso de vehículos pero non de bicicletas, cadeiras de rodas, patíns… Esta reurbanización permitirá retirar os morróns nese punto da rúa.
A continuación instalaranse as pezas e a última parte do proxecto será o pintado do skatepraza. Isto é así para determinar exactamente onde vai cada elemento, por se algún día fose necesario retirar as pezas.
Unha das arquitectas do proxecto, Andrea Ricoi explicou esta mañá que a skatepraza será da modalidade street con módulos de granito de pouca entidade, baixos, que se colocan no pavimento e van formando como un "lego". Pódense retirar e volver a colocar. As anclaxes están estudadas para que ao volvelas a colocar non se movan.
A súa distribución é no eixo lonxitudinal da rúa e créase unha franxa accesíbel totalmente para que poidan pasar vehículos de emerxencia.
O skatepraza terá unha superficie de 735 metros cadrados, aproximadamente, e un custe de 80.000 euros. Poderá estar listo no prazo dun mes, aínda que as condicións meteorolóxicas pode influir o desenvolvemento da obra.