O Pazo de San Marcos foi escenario este mércores da II xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación de Lugo con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un coloquio que presidiu e moderou a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, coa presenza da xornalista Ana Bernal-Triviño e a Oficial da Policía Nacional Elena Cruz Aguilar.
O acto arrancou coa proxección dun vídeo elaborado polo equipo de Benestar Social da Deputación coa participación de mulleres que viven nos centros provinciais de atención a persoas maiores. "Arrancamos así porque esta actividade evidencia moi ben como traballamos en materia de igualdade na Deputación de Lugo: de maneira transversal e continua, dende todas as nosas áreas e durante todo o ano", explicou Loureiro.
"No marco de todo ese traballo, para seguir avanzando en igualdade e combater o negacionismo da violencia machista que, desgraciadamente, está cobrando forza, decidimos o ano pasado arrancar estas xornadas abertas á cidadanía. Este é un espazo de debate, de diálogo, de aprendizaxe e de reflexión, a nivel individual e colectivo, porque na loita contra a violencia machista e a favor da igualdade, todos e todas somos importantes, cada un de nós, tanto noso espazo privado, como na nosa relación cos demais", manifestou María Loureiro.

A oficial Elena Cruz Aguilar explicou cal é o procedemento que seguen dende a Policía Nacional cando se dá un caso de violencia machista e os recursos e medios cos que contan no corpo para prestarlle atención.
Indicou que na provincia de Lugo hai máis de 500 mulleres no sistema Viogen, e puxo o foco no traballo "inmenso" que se desenvolve na Comisaría de Lugo coa atención ás vítimas dende o primeiro momento.
A xornalista Ana Bernal-Triviño abriu debate sobre as desigualdades do xornalismo, abordando os bulos e a desinformación sobre casos mediáticos e coñecidos. Explicou, nese sentido, a forza dos medios de comunicación con poder para visibilizar esta realidade. Reflexionou sobre a visión negativa que se dá da muller nos medios e non tanto na importancia da linguaxe sexista, "senón que o que é importante é o contido, non se usas unha 'a' ou unha 'o', hai que fixarse en como se din as cousas cando se informa".
Tamén puxo o foco no negacionismo da violencia machista e o aumento de correntes de noticias falsas nas redes sociais e o perigo que iso trae para a sociedade, ao tempo que alertou do aumento da desinformación sobre este tema. Pediulle á xente que "pense nas vítimas" e avanzou que a información con fontes fiables e rigorosas "será a clave para parar esta desinformación".