O Concello de Ourense manterá este ano a súa aposta por fortalecer e consolidar o calendario festivo dos barrios da cidade prestando apoio económico e loxístico para a súa celebración. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, logo de recibir no Concello a comisión que organiza as festas do barrio do Couto que vivirán a súa próxima edición no vindeiro mes de maio. O alcalde garantiulles o apoio do Concello na organización dos festexos, tanto a nivel loxístico como económico e de programación, coa achega de dúas orquestras.
O alcalde tamén garantiu o apoio do Concello ás festas de Barrocás, que terán lugar no presente mes de marzo, desde o venres, 17, até o luns, 20. Neste caso, o Concello achegará a actuación da orquestra París de Noia, que terá lugar o sábado, 18, pola noite, amais de proporcionarlle apoio loxístico á comisión organizadora.
O Concello manterá así a súa implicación no calendario festivo da cidade, dando apoio a todas as festas dos barrios, segundo anunciou o alcalde, que destacou como eixos principais, coincidentes cos 4 puntos cardinais da cidade, as festas de Barrocás (zona sur) en marzo, O Couto (zona oeste) en maio, A Ponte (zona norte) en xullo, e San Francisco (zona leste) en outubro. Todas estas celebracións contan con comisión organizadora, aínda que se nalgún caso non a houbese, o Concello asumiría a súa organización, como ocorreu o ano pasado no barrio da Ponte.
Coas festas de Barrocás e do Couto xa pechadas, o Concello xa traballa nas do mes de xullo no barrio da Ponte. Amais destas 3 citas e a de San Francisco, o goberno municipal mantén o seu compromiso de apoiar economicamente as festas tradicionais dos diferentes barrios da cidade, como Seixalbo, A Rabaza, A Carballeira, Vista Fermosa ou Santa Cruz de Arrabaldo, entre outras.