O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de recibir no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, aos pasaxeiros e pasaxeiras que realizaron este sábado a primeira viaxe deste ano 2023 das rutas fluviais en catamarán que a institución provincial ofrece pola Ribeira Sacra. José Tomé inaugurou así unha tempada que arranca con xa 1.500 reservas realizadas para os días de Semana Santa e con máis de 20.000 ata decembro.
Estas cifras ao inicio dos percorridos ratifican "o éxito" que ten este servizo turístico, "incluso durante a pandemia. Con restricións de capacidade e coa obriga de levar mascarilla, chegamos a 40.000 pasaxeiros no ano 2021 e a 50.000 o pasado ano 2022", subliñou o Presidente, quen explicou que as rutas fluviais pola Ribeira Sacra "son unha parte central da ampla oferta de actividades da Deputación, coa que tratamos de favorecer na nosa provincia un turismo sostible e de calidade, que pon en valor a enorme riqueza medioambiental, cultural e etnográfica do noso territorio, e que crea riqueza e emprego".
A boa acollida desta iniciativa, afirmou, "anímanos a seguir traballando e mellorando este servizo turístico con distintas medidas e actuacións, como foi a posta a punto que fixemos nas embarcacións para esta tempada".
O mandatario provincial desexou aos primeiros viaxeiros da tempada de catamaráns da Deputación "que lles gustase a experiencia, que repitan, e que animen ás súas familias, amizades e coñecidos a que veñan á Ribeira Sacra, a disfrutar desta fermosa terra, que é un trozo de paraíso no interior de Galicia".
No acto de apertura da nova tempada de rutas participaron xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos do Concello monfortino, José Luis Díaz; a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; e Manuel Feijoo, Concelleiro da Teixeira.