O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de conseguir un acordo co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para crear no antigo Hospital de San Rafael de Castro de Rei un centro de acollida de protección internacional (CAPI). Para iso, a institución provincial cede a parcela de case 43.000 metros cadrados por 75 anos ao Goberno central para esta nova actividade social.
Tomé Roca agradeceu ao Ministro a súa total disposición para sacar adiante este acordo "tan importante para a provincia", pois permite recuperar para uso público unhas instalacións e uns terreos de titularidade da institución provincial, que levaban en desuso algo máis dunha década, dende que o servizo que prestaban como hospital psiquiátrico se trasladou a outro centro.
"Hoxe vemos cumprido un dos nosos obxectivos á fronte da Deputación, pois levamos tempo facendo contactos e xestións para tratar de recuperar e dar unha nova vida a unhas dotacións amplas, con moitas posibilidades, para ofrecer un servizo público, a ser posible, vinculado co ámbito das políticas sociais, que son unha das liñas de actuación prioritarias do noso Goberno provincial", asegurou o mandatario provincial.
Polo tanto, incidiu Tomé Roca, "a satisfacción hoxe, é enorme e dobre, porque conseguimos recuperar para uso público estes terreos públicos grazas á iniciativa e o apoio do Goberno do Estado, co que mantemos unha excelente relación, e facémolo cun proxecto de alto valor social, que prestará unha atención adecuada e inmediata a esas persoas que, desgraciadamente, teñen que saír dos seus países de orixe por unha situación de emerxencia".
O Ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, transmitiulle ao Presidente o seu agradecemento pola colaboración para facer posible que Galicia e, en concreto este municipio, participe na integración das persoas solicitantes de protección internacional que acceden ao sistema de acollida.
O Presidente provincial destacou así mesmo que este proxecto "contribuirá a xerar riqueza e emprego na nosa provincia, tanto coas propias obras de rehabilitación dos edificios e de creación de novos equipamentos, que levarán consigo un importante investimento económico, como co propio funcionamento do centro, o que nos axudará a combater outro dos nosos grandes retos, como é a despoboación do rural".
12M€ de investimento
As obras para a construción en Castro de Rei deste centro arrancarán o ano que vén, que levarán un investimento do Ministerio de 12 M€. Terá unha capacidade para 250 persoas nun recinto no que haberá espazos comúns, ademais do comedor, obradoiros e espazos deportivos deseñados polo Comité Olímpico Español (COE).
A posta en marcha deste centro de atención a refuxiados xerará un importante impacto económico na zona, posto que se estima a creación de entre 20 e 25 postos de traballo directos, e uns 45 indirectos.