O Deputado de Promoción Económica e Social e primeiro tenente de Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, foi o encargado de abrir a Feira de Produtos do Campo e Artesanía San Isidro da Milagrosa cun pregón "feito dende o corazón e na dobre condición de veciño de Láncara e de Lugo".
Pablo Rivera puxo en valor a importancia da migración para a construción do barrio da Milagrosa, que "naceu como os mosaicos romanos, xuntando pezas de todas as aldeas e vilas da provincia, e que nos anos máis recentes tense convertido nun espello do mundo, coa chegada de xentes de todos os continentes que enriquecen a nosa herdanza coa achega dos elementos das súas culturas. Esa identidade de portas abertas foi a que converteu á Milagrosa no que é hoxe, e cumpre mantela para que siga viva no futuro".
"A Milagrosa é un barrio de inmigrantes", incidiu, "de inmigrantes lucenses que se moveron pola súa terra, e de xente de toda a Terra que quere chegar e ser lucense. Nosos pais, irmáns, familiares... foron emigrantes en Europa e todos coñecemos de primeira man o rexeitamento inicial que afrontaron". "Penso que todos deberíamos ter aprendido algo da nosa historia. É doado falar de inseguridade, se nos empeñamos en ver ó que chega como diferente. É doado dicir que o barrio non é o que era, se poñemos o listón nun color de pel, nun son da fala, nunha relixión... É doado si, pero é moi inxusto", asegurou.
O Deputado agradeceu a aposta da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, "por manter abertas as rúas deste barrio, na mellor tradición que louvaba Luis Pimentel no seu poema Mañá da miña rúa", e por facer da cidade "un referente en políticas feitas coa xente e para a xente. En aproveitar o pulo da xente para deseñar políticas que lles melloren a calidade de vida e as gañas de seguir facendo cousas.
A Feira de San Isidro da Milagrosa conta con 30 expositores, aos que se suma unha programación cultural e gastronómica que animará durante toda a fin de semana o barrio. A Deputación de Lugo colabora aportando para a súa distribución entre os asistentes produtos autóctonos que suman un valor superior aos 7.000€.