Gonzalo Pérez Jácome tomou posesión esta mañá da Alcaldía da nova corporación municipal e inicia o seu segundo mandato á fronte do Concello de Ourense. Pérez Jácome, candidato de Democracia Ourensana, foi investido alcalde na sesión constitutiva da corporación, por ser o concelleiro que encabezou a lista que obtivo un maior número de votos nas eleccións municipais do día 28 de maio.
A sesión constitutiva da nova corporación municipal, que se desenvolveu esta mañá no salón de plenos, comezou coa toma de posesión dos 27 concelleiros e concelleiras que desde hoxe integran a Corporación Municipal: 10 de Democracia Ourensana, 7 do PP, 6 do PSdeG-PSOE e 4 do BNG.
Trala votación para a elección de alcalde, o candidato de DO, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu 10 votos; o cabeza de lista de PSdeG-PSOE, Francisco Rodríguez, 10; e o candidato do PP, Manuel Cabezas, 7. Unha vez rematado o escrutinio, e ao non rexistrarse maioría absoluta, foi proclamado alcalde Gonzalo Pérez Jácome, que encabezou a lista que obtivo o maior número de votos nas pasadas eleccións municipais.
Na súa investidura, Pérez Jácome expresou a súa gratitude á cidadanía e o seu compromiso por cumprir o programa electoral e chegar "aos máximos acordos posibles" coas demais forzas políticas. Pérez Jacome asegurou que ser alcalde é "o traballo máis bonito e máis difícil que tiven na miña vida, pero é unha honra que está enfocada nos demais, no pobo", aseverou.
Como liñas de traballo para este mandato, citou seguir adiante cos proxectos para mellorar a mobilidade e a accesibilidade na cidade con elementos mecánicos, a renovación do transporte urbano, a execución de obras, a realización de grandes festas, o apoio á economía local, e o reto do cambio climático, para o que avanzou que apostará por plantacións masivas de árbores nunha cidade que é unha das máis cálidas de todo o norte peninsular.
"Todo o que fagamos será para aumentar a calidade de vida de todos os ourensáns", asegurou o rexedor. Porén, advertiu que "o partido de Ourense non se xoga en Ourense, xógase en Santiago, na Xunta de Galicia, e en Madrid, no Goberno español". O alcalde salientou: "Tense que poder vivir en Ourense, que a xente non se vaia", e incidiu na importancia de "conseguir que haxa suficientes axudas e non discriminacións para que a nosa terra siga existindo".
Como resumo, o alcalde subliñou ao remate da súa intervención, tres eixos de traballo para este novo mandato municipal: desenvolver accións que leven a unha mellor calidade de vida de todos os cidadáns, traballar para que o Concello funcione mellor, e chegar a acordos cos demais partidos políticos para "mellorar a calidade de vida das persoas que non son privilexiadas", dixo Pérez Jácome.
O alcalde rematou dando as grazas polo apoio recibido: "Entramos nesta Corporación sendo a lista máis votada, é unha honra e estou en débeda con todo o mundo", asegurou: "teño que devolver esta honra loitando por todos vostedes, e isto é o que vou intentar".