A primeira detención produciuse no aparcadoiro dun supermercado na estrada de Vigo (fronte ás vivendas sociais). A Policía Local recibiu un aviso previo, na súa central de comunicacións, da subtracción dun vehículo (BMW 320) en Ames (A Coruña), coa sospeita de que o autor podería atoparse na cidade de Ourense. Por este motivo e tras establecer un dispositivo de localización, o dito vehículo foi localizado por unha patrulla, no aparcadoiro dun supermercado na estrada de Vigo, co sospeitoso no seu interior, polo que se procedeu á súa detención e á instrución de dilixencias xudiciais.
A segunda detención produciuse tras recibir o aviso dun presunto roubo con violencia na Rúa do Balneario onde, ao parecer, o sospeitoso subtraéralle á forza unha cadea do pescozo e un reloxo a un transeúnte que deambulaba polo lugar e fuxira a continuación cara á zona das Torres do Pino. Con esta información, varias patrullas policiais dirixíronse ao lugar urxentemente, atenderon a vítima e localizaron o sospeitoso preto das Torres do Pino. Nun cacheo superficial incautáronselle, ademais da mencionada cadea e do reloxo, máis obxectos, como outro reloxo, 2 medallóns, 2 cadeas, entre outros pequenos obxectos de escaso valor. A Policía Local procedeu, en consecuencia, á súa detención e á instrución de dilixencias xudiciais.