O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deulle a benvida este luns ás persoas participantes no túnel do viño da Denominación de Orixe de Monterrei, un evento que se celebrou na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e que contou coa presenza de Luis Paadín, un referente no mundo da enoloxía en Galicia.
Rivera Capón subliñou que o apoio ao sector primario e, en concreto, á actividade vitivinícola é un dos compromisos prioritarios da Deputación. "O mundo do viño é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a nosa identidade cultural, ademais de crear sinerxías para potenciar a hostalería e o turismo, polo que estamos sempre abertos a acoller iniciativas coma esta que visibilizan e que poñen en valor a súa calidade e potencial", asegurou o Deputado.
Pablo Rivera lembrou que o pasado ano a propia Deputación de Lugo organizou precisamente un túnel do viño dedicado aos caldos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, unha xornada "pioneira e única" porque foi a primeira vez que Luis Paadín e José Peñín Santos, dous referentes absolutos neste eido en Galicia e en España, ofreceron unha conferencia conxunta.
Na cita celebrada hoxe, que se desenvolveu ao longo da tarde e que impulsou a propia Denominación de Orixe de Monterrei, participaron profesionais do sector da hostalería e da restauración, distribuidores, sumilleres, medios de comunicación e alumnado de escolas de hostalería.