O Deputado de Promoción Económica e Social de Lugo, Pablo Rivera Capón, participou este domingo no acto de inauguración da terceira edición da Feira L de Lugo, un evento que entre hoxe e mañá exhibe no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o mellor da gastronomía da provincia. A Deputación colabora cunha aportación económica de 15.000€ coa feira, que reúne no recinto feiral a máis de 150 empresas e PEMES de toda España.
Rivera Capón felicitou á Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo pola organización deste evento e destacou a súa importancia porque "pon en contacto a profesionais e o público en xeral , convertendo a Lugo e a toda a provincia nun gran escaparate para promocionar a diversa e rica gastronomía e a calidade dos viños que temos". O Deputado, acompañado polo Presidente de Adislugo e outros representantes do colectivo, fixo un percorrido polo recinto feiral e participou na degustación de pratos a base de produtos autóctonos elaborados por recoñecidos cociñeiros.
![Foto de la noticia](https://pictures.lanocion.es/2023/septiembre/24/0_640wt/240923-feira-l-de-lugo.jpg)
A Deputación colabora ademais cun stand na feira no que promove a dixitalización dos negocios de hostalería a través do Acelera PEMES, un programa de asesoramento gratuíto ás empresas da provincia en materia de transformación dixital que ten en marcha a institución provincial.