A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu hoxe, xunto á pregoeira Sonia Villapol, o pistoletazo de saída do San Froilán 2023. Durante a súa intervención, onde puxo en valor a gran contribución de Villapol á sociedade no campo da neurociencia, a rexedora reivindicou a importancia do investimento público na investigación científica para mellorar a calidade de vida da cidadanía. "Contar cun sistema sanitario, público e de calidade e situado á vangarda científica e tecnolóxica, é unha das maiores contribucións que as institucións públicas poden facer á sociedade", destacou Méndez. Ademais, a rexedora fixo fincapé durante a súa presentación da importancia das mulleres investigadoras, xa que "o seu camiño neste ámbito é, se cabe, aínda máis difícil pola súa condición de mulleres".
Desde o balcón da casa do Concello e ante unha multitude de persoas congregadas na Praza Maior, a rexedora destacou a dimensión das Patronais, que mais aló de ser un patrimonio de Lugo, é unha festa onde toda a cidadanía da provincia pódense ver representados e sentir como propia. "San Froilán é a festa de todas e todos os lucenses e de toda a xente que se achega para impregnarse da súa tradición e vivila como propia", apunto Méndez, quen puxo en valor a importancia da comunidade lucense na diáspora e o seu labor para difundir a nosa identidade.
"Noutras cidades do país e ao redor de todo o mundo Lugo está presente. É o caso de Sonia Villapol pero tamén doutros moitos e moitas lucenses que, no pasado, tiveron que marchar para desenvolver o seu proxecto profesional lonxe de casa", destacou Méndez, antes de recomendar ás persoas que visiten a cidade durante as festas que "gocen da xente de Lugo, sen dúbida o noso maior patrimonio".
Na lectura do pregón estiveron presentes as e os concelleiros do equipo de Goberno e do resto da Corporación municipal, así como autoridades das distintas administracións como o presidente da Deputación, José Tomé; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta, Javier Arias, e o Vicerreitor da USC, Francisco Fraga, entre outros.
Pola súa banda, Sonia Villapol agradeceu a oportunidade de ser pregoeira e quixo incidir na importancia de conservar o patrimonio cultural lucense e galego lonxe da nosa terra. "Asegúrovos que seguirei pregoando Lugo o que me quede de vida e por oitos mares que nos separen", dixo visiblemente emocionada. Antes da súa intervención, Villapol recibira de mans da alcaldesa unha figura confeccionada por Otero Regal que conmemora a súa condición de pregoeira das Patronais. "Grazas ao Goberno local de Lugo por tender pontes coa diáspora científica", concluíu.