O Concello de Pontevedra detectou esta mañá a chegada dos primeiros pellets de plástico na praia da Posta, no Cabo, en Praceres. A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, informou esta mañá que foi detectada pola Policía Local, que estaba facendo labores de control, e " polo de agora hai pouca presenza deles".
Unha vez detectados, "chamamos inmediatamente ao 112 e enviamos un correo electrónico á dirección que determina o Plan de continxencia que ten activado a Xunta de Galicia a este respecto. Ademais, comunicamos a Presidencia así como as consellerías afectadas neste caso: á de medio ambiente e á de mar", explicou Eva Vilaverde.
"Puxémonos á disposición da Xunta e estamos á espera de que nos mande a información ou as instrucciones necesarias para actuar. Solicitamoslle apoio para a limpeza xeral das praias, neste caso a que está afectada ", indicaba a concelleira quen puxo a disposición o Concello de Pontevedra " para colaborar no que sexa necesario e sempre á espera da información que nos chegue da Xunta".
O protocolo activado polo Concello de Pontevedra determina que sexa Protección Civil quen controlará os tres areais: A praia da Posta, e as fluviais de Ponte Sampaio e Monte Porreiro, e no caso de ter recoller os pellets farase "en base aos protocolos que temos en colaboracón coa APDR, que é a entidade que se encarga de coordinar o voluntariado que se poida achegar á cidade".
Ademais, o protocolo está coordinado por dous departamentos do Concello: o de Protección Cidadá que dirixe Eva Vilaverde e o de medio ambiente, que xestiona Xaquín Moreda. Tamén participan a Policía Local, Protección Civil, o Servizo de xestión e recollida de residuos municipais e as brigadas operativas.
Paralelamente, o Concello estase a poñer en contacto coas entidades que teñen relación directa co litoral como a Confraría de pescadores de Lourizán, a confraría de pescadores de Arcade, o Club de Piraguismo Río Verdugo, o Club de Piraguismo Cidade de Pontevedra, o Club Naval de Pontevedra ou o Club Sapo.
Eva Vilaverde afirmou que "somos un concello que non é de praias e as praias son pequerrechiñas. Pensábamos que non chegarían pellets ou que tardarían un pouquinho máis, pero por desgracia xa apareceron hoxe. Pero en todo caso, si somos un concello do litoral e este tipo de ecosistemas deben ter especial cuidado e protección por parte das administracións. O Consello así o entende e está encima; e esperemos que a Xunta actúe en consecuencia e de maneira responsable".