O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución da última convocatoria do programa de axudas á dixitalización Industria 4.0, unha liña que busca promover a transformación industrial das pemes a través de proxectos de dixitalización. A través da convocatoria que vén de resolverse concédense apoios por máis de 2 millóns de euros para impulsar 125 proxectos.
A liña facilita a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme. Cómpre salientar que a intensidade media de axuda superou o 40% dos gastos e investimentos necesarios para a posta en marcha dos proxectos de transformación dixital.
Neste sentido, o programa supón unha aposta decidida pola dixitalización do tecido produtivo por parte da Xunta de Galicia, na procura de mellorar a competitividade e promover unha transformación dixital cada vez máis necesaria no actual contexto económico.
Cómpre lembrar que a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, ten activos outros programas que facilitan a aposta das pemes polo seu desenvolvemento estratéxico, priorizando a innovación e a dixitalización, como é o caso do ReAcciona.
En total, o programa ReAcciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial. Neste caso, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, cobre o 80% do custo do servizos para as pemes, e o prazo de presentación de solicitudes de axuda, en concorrencia non competitiva, comezará o día 1 de abril, podendo solicitarse servizos ata o 15 de novembro.