Despois de tres días de intensa actividade profesional con preto de 50 presentacións de destinos e novidades turísticas, o expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), abre esta fin de semana as súas portas ao público xeral a través de distintas actividades coa gastronomía e artesanía, así como a música galega como protagonistas.
Así, durante o día de hoxe, contarase coa animación de representantes dalgúns Entroidos galegos. Ademais, a zona gastronómica do stand con productos pertencentes a Galicia Calidade, Agacal e Galicia sabe AMAR acollerá sete propostas durante esta fin de semana que incluirán, hoxe sábado, degustación de empanada galega en maridaxe con viños da Denominación de Orixe do Ribeiro e outra de cocido en maridaxe con viño da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra. Pola tarde organizarase unha cata comentada de augardentes e licores tradicionais de Galicia con tarta de Santiago e unha degustación de Requeixo de As Neves e Mel do Condado Paradanta en maridaxe con viños da Denominación de Orixe das Rías Baixas.
Os visitantes que acudan hoxe sábado ao expositor tamén poderán asistir ás actuacións musicais de Mondra, compositor, cantareiro, bailador, instrumentista e un dos referentes da música trad e de Ailá, grupo formado por Xan Pampín, Angela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañeta, que ofrecen música tradicional galega de transmisión oral. Ambos farán tres actuacións en distintos momentos do día. Pola tarde, contarase coa participación de Lil Kids, o grupo galego de danza urbana ganador da novena e última edición de Got Talent España, cunha actuación dedicada ás Meigas. Pertencentes á escola de baile Paso a Paso de Narón.
Para o domingo, no que se refire á parte gastronómica haberá unhs sesión vermú galego, un showcooking de merluza de burela e unha degustación de sobremesas típicas galegos. No apartado musical contarase con Ailá, Mondra e Lil Kids, que farán dúas actuacións cada un.
Obradoiro en vivo coas redeiras de Corme
A artesanía galega estará representada polo obradoiro en vivo a cargo das artesanas da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de COrme, coa marca Artesanía de Galicia, que na actualidade combinan o seu traballo do mar cunha existosa carreira na elaboración de complementos.
A proposta galega da fin de semana complétana a información promocional que estará dispoñible para o visitante nos diferentes módulos da oferta turística xeral de Galicia, establecementos con selo Galicia Calidade, Q de Calidade e S de Sostibilidad, o Camiño de Santiago, turismo termal ou náutico, entre outras.