O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na Festa dos Avós de Láncara xunto ao Alcalde do municipio, Darío Piñeiro, e deputados e deputadas provinciais. Unha cita que se celebrou este mediodía na carpa do Campo da Feira da Pobra de San Xiao, e que reuniu a unhas 500 persoas.
José Tomé felicitou ao rexedor e ao seu equipo de goberno por potenciar este encontro "de recoñecemento aos maiores, tan necesario, por toda unha vida de traballo, por todo o que aportaron e polo que seguen aportando, que é moito", destacando así mesmo o valor da festa para a "convivencia, porque reforza os lazos entre xeracións e entre toda a veciñanza".
Destacou o Presidente que a Deputación de Lugo "valora moito este tipo de iniciativas porque as políticas sociais –as que serven para crear e para mellorar os servizos públicos- deben ser prioritarias". "Así o defendemos e así o practicamos na institución provincial", sinalou, engadindo que o Goberno que encabeza destina máis dun terzo do Orzamento ás políticas sociais con diferentes iniciativas, como o Servizo de Axuda no Fogar, a teleasistencia 24 horas ou a rede de centros públicos de atención ás persoas maiores.
No encontro, Tomé Roca destacou a colaboración entre o Concello e a Deputación para sacar adiante proxectos "moi positivos" para Láncara, para mellorar o municipio e as condicións de vida dos veciños e veciñas.