A Policía Local de Lugo realizou no primeiro semestre do ano un total de 442 intervencións en materia humanitaria, fronte ás 600 contabilizadas durante todo o 2023. Así o transmitiu o intendente xefe do corpo a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, na reunión semanal de traballo que a rexedora mantén co responsable policial. "Existe un incremento desta prestación pública que se traduce literalmente en vidas salvadas. A formación das e dos axentes en materia de saúde mental, no emprego de desfibriladores e en primeiros auxilios, así como o incremento de material específico para este tipo de intervencións son elementos cruciais na efectividade deste tipo de intervencións", indicou Alvarellos.
"Na maior parte destes casos de auxilio cidadá, prestouse axuda tanto en vía pública como no interior de domicilios a lucenses de avanzada idade ou que se atopan en soidade; persoas desorientadas ou con problemas emocionais; en estado de embriaguez; con problemas de saúde ou víctimas de accidentes casuais. Ademais, de forma ocasional, tamén é necesario intervir para socorrer a menores perdidos ou a persoas en situacións de risco extremo, afectadas por situacións críticas, como as paradas cardiorespiratorias", indicou o intendente.
"Todo este traballo forma parte da nosa política de contar cunha policía máis próxima aos cidadás e cidadáns, para o que xoga un papel fundamental a esencia deste corpo, constituído ao servizo da sociedade. Estamos realmente satisfeitos de poder contar con profesionais cuxa empatía e solidariedade forma parte indivisible da súa vocación de servizo público, aspecto que redunda nun Lugo aínda máis seguro", sinalou Alvarellos.
O labor dos axentes que desenvolven o seu traballo na rúa e en moitos casos o primeiro elo dunha cadea social. Actualmente os vehículos policiais van dotados de mantas térmicas, caixa de primeiros auxilios e desfibriladores. " O noso papel non remata na intervención de urxencia, senón que unha vez garantida a seguridade, levamos a cabo á investigación de domicilios e identificación de familiares, e de ser necesario, acompañalos ou transportalos ás súas vivendas para que queden a cargo das súas familias. Pero noutros casos, estas intervencións son moito máis complexas, xa que prestan auxilio a persoas con condutas autodestrutivas, que provocan nalgúns casos situacións de risco para terceiras persoas ou para os propios axentes. Todas estas intervencións póñense en coñecemento dos servizos sanitarios ou sociais e cando é necesario da Autoridade Xudicial competente", explicou o responsable policial.
Por todo iso, o persoal da Policía Local de Lugo recibe desde hai anos formación en materia de saúde mental, o que lles permite estar capacitados para manexar situacións de alto risco e primeiros auxilios psicolóxicos. Os axentes da Policía local, ao igual que os doutras Forzas e Corpos de Seguridade, son en moitos casos os primeiros en responder ante unha emerxencia deste tipo, polo que as súas habilidades e capacidades son fundamentais para determinar o curso e resultado destas intervencións.
Así mesmo, entre as situacións extremas ás que se ten que enfrontar a Policía Local tamén están os primeiros auxilios e o emprego de desfribriladores, nos casos nos que a persoa á que se lle presta auxilio presente parada cardiorespiratoria. Neste sentido, a alcaldesa destacou que "temos un corpo policial áxil, garantista, formado e eficaz" facendo alusión aos primeiros auxilios prestados en situacións extremas, como a intervención que este ano permitiu a un axente fora de servizo salvar a vida dunha persoa con parada cardiorespiratoria, mediante a manobra de reanimación cardiopulmonar, repasada uns meses antes no curso de primeiros auxilios en situacións de parada, atragoamentos e emprego do desfibrilador.
Nestes cursos, as e os axentes da Policía Local reciben a formación de mans de médicos especializados, técnicos sanitarios, bioquímicos e informáticos que lles achegan a lexislación en materia de prevención e de adestramento no manexo dos kit de supervivencia, do maletín de reanimación e dos desfibriladores, cos que van equipados os vehículos policiais, ao tempo que aprenden a actuar na prestación deses primeiros auxilios que, en ocasións, resultan vitais.