O Concello de Ourense eliminará a prohibición de facer fotos nas zonas termais da cidade. O goberno municipal prepara un acordo de xunta de goberno local que porá fin a esta restrición, que desde hai uns 15 anos se viña aplicando nas condicións de utilización destes espazos de lecer. No sucesivo, as zonas termais públicas e gratuítas da Chavasqueira, Outariz ou Muiño da Veiga pasarán a ter a mesma regulación que calquera praia ou piscina pública. Así, as persoas que accedan ás zonas termais poderán tomar as imaxes que estimen oportuno, o que non as exime do deber que teñen de respectar e cumprir coa normativa estatal vixente no relativo ao uso e difusión das imaxes que obteñan.
O goberno municipal entende que a prohibición vixente nas termas da cidade "non é procedente". Por unha banda, constata que "con frecuencia ocasiona problemas e situacións de tensión e discusións entre os propios usuarios das instalacións, cando unhas persoas chaman a atención a outras por querer facer unha foto".
Así, estiman máis axeitado que os espazos termais teñan unha normativa equiparable á doutras zonas similares, como é o caso das praias, ou o das piscinas públicas de Oira, Os Remedios ou o parque acuático de Monterrei, onde os usuarios si poden tomalas. Tamén advirten que con esta nova regulamentación a normativa das termas de Ourense equipararase ás doutros espazos termais internacionais: "En Budapest, cidade termal por excelencia, nas termas privadas as persoas entran co móbil colgado e poden tomar imaxes, aquí faremos igual", explican.
O goberno local entende tamén que nunha época como a actual, na que as redes sociais permiten unha amplísima e inmediata difusión das imaxes, prohibirlles aos usuarios tomar fotos das termas supón perder a oportunidade de promocionar este recurso turístico co que conta a cidade.
Día mundial da fotografía
O goberno municipal adoptou esta decisión coincidindo coa celebración, no día de onte, 19 de agosto, do Día Mundial da Fotografía, unha conmemoración que aspira a crear un cambio positivo a través da fotografía e pretende inspirar a millóns de fotógrafos de todo o mundo a compartir cos demais unha foto que lles permita amosar a súa forma de ver o mundo.