A Deputación de Lugo colabora un ano máis co Festival Trece Roeis, unha cita musical que chega á súa quinta edición e que se celebrará no concello de Pantón os vindeiros días 30 e 31 de agosto. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na presentación do evento, que tivo lugar no Pazo de Ferreiroá.
Rivera puxo en valor a relevancia deste festival, "unha cita de referencia no calendario musical da comarca da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo, que atrae a centos de persoas ao concello, polo que, entre outros beneficios, ten un impacto moi positivo para a economía local".
Sinalou o Deputado que dende a institución provincial colaboramos coa organización deste evento cunha achega de 6.000€, "dentro da nosa clara liña de apoio aos concellos e ao tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia, e para consolidar o modelo de turismo que defendemos: un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor a nosa riqueza patrimonial e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural".
Artistas de renome nacional e galego
O Festival Trece Roeis, que xa se consolidou como un dos eventos musicais máis destacados da provincia de Lugo, contará este ano cun cartel de luxo no que figuran artistas de recoñecido prestixio no panorama nacional e galego, como Soziedad Alkoholika, Sôber, Skizoo, Fillas de Caxsandra ou Arrhythmia, entre outros. A diversidade de actuacións e a calidade do evento garanten unha experiencia única para todos os asistentes, reforzando así o papel do festival como motor cultural e económico para a comarca.
Ademais da parte musical, a programación do festival ofrecerá outras actividades paralelas como presentacións literarias, catas e degustacións gastronómicas, así como artesanía local, actividades para os máis pequenos e obradoiros.