O Executivo de Paula Alvarellos promove o comercio local facilitando que as tendas de Lugo saquen os seus produtos á rúa o último martes de cada mes. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que "a iniciativa, baixo o título Comercio na rúa, dará comezo este martes, 27 de agosto, impulsada pola área de Dinamización Económica do Concello da man da Federación de Comercio".
"O obxectivo da mesma é apoiar ao pequeno comercio da cidade, pois estes establecementos non só contribúen a xerar riqueza no municipio, senón que tamén manteñen un elevado número de postos de traballo, polo que mercar neles redunda no beneficio de toda a cidadanía", explicou Alvarellos.
Un total de 50 tendas de toda a cidade xa se adheriron á iniciativa de sectores diversos, como téxtil de adultos e de nenos, deporte, calzado, bixutería, xoiería, librería, óptica, etc. Os comercios participantes serán identificados cunha bandeirola e localízanse principalmente no centro histórico e na contorna da Avenida da Coruña. A rexedora informou que "os establecementos interesados en adherirse á campaña poderano facer a través das canles da Federación de Comercio".
"Mercar no comercio local non só é un xesto de solidariedade cos nosos veciños e veciñas que cada día abren as portas dos seus establecementos con ilusión, senón que tamén nos permite acceder a produtos únicos e de calidade, moitos deles elaborados na nosa comunidade", engadiu a rexedora.
Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica insistiu na mesma liña destacando que "apoiar aos nosos comercios é garantir que as nosas rúas sigan cheas de vida, que os nosos barrios continúen a ser espazos de encontro e que a nosa cidade continúe a medrar de maneira sostible".
Neste senso, ambos animaron "a todas e todos os veciños a que aposten polo comercio local e se acheguen a participar nesta iniciativa, para seguir facendo que o noso comercio sexa un motor de prosperidade e un orgullo para todos nós".