O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, visitou hoxe o proxecto Toma castaña. Galicia, que ademais de contar cunha área expositiva promove un programa de accións divulgativas que integran a promoción do turismo e a gastronomía coa artesanía.
A programación inclúe unha mostra das pezas de Artesanía de Galicia relacionadas coa castaña e un obradoiro de iniciación á cestería impartido pola artesá Julia da Cal. Toma castaña. Galicia ten, ademais, un programa paralelo dirixido a profesionais con varias actividades de promoción de Galicia en Madrid.
A Casa de Galicia na capital española acolle tamén unha exposición dos castiñeiros recollidos no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia e a representación dun souto na Casa de Galicia, grazas á implicación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Os visitantes tamén poden viaxar virtualmente a través do Galiverso á Fraga de Catasós, no concello pontevedrés de Lalín, para coñecer os castiñeiros máis altos de Europa, da man desta experiencia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Centrada no produto autóctono de calidade, cuxa promoción e impulso se favorece desde a Consellería do Medio Rural e que conta co recoñecemento da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, a iniciativa tamén dá a coñecer novas receitas e propostas gastronómicas a base de castaña.