A Deputación de Lugo organizou este martes unha ruta adaptada para que o colectivo Alcer Lugo puidera participar no programa de viaxes gratuítas da institución provincial Coñece a túa provincia. Concretamente, 23 usuarios e usuarias desta asociación lucense que dá apoio aos doentes de ril visitaron Monforte de Lemos e descubriron lugares emblemáticos da Ribeira Sacra como o Pazo de Tor, San Vicente do Pino e o Centro do Viño.
Onte viaxaron tamén os membros da asociación Capela Sixtina de Nogueira de Miño, de Chantada, que tras coñecer as instalacións da produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, puxeron rumbo á Mariña para visitar Barreiros e Ribadeo. O programa do Coñece a túa provincia continúa este mércores con novos grupos e ofrece ata este venres rutas a máis de 180 veciñas e veciños de Chantada, Lugo, Guntín e Paradela.
Precisamente, hoxe mércores, a veciñanza de San Juan da Alameda de Chantada e membros da asociación Besol de Guntín viaxarán ata Viveiro. Aos primeiros recibiunos o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, no Mazo de Santa Comba; e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, deulles a benvida aos segundos no Pazo de San Marcos. Nas súas viaxes descubriron o miradoiro de San Roque e o casco antigo da localidade entre outros recursos turísticos.
Mañá xoves, o colectivo de San Xoán de Laxe, de Chantada, porá rumbo Cervo para coñecer a fábrica de Sargadelos, o Museo do Mar ou a praia do Torno. Ademais, a veciñanza de San Mamed de Los Ángeles, de Lugo, escolleron a ruta do Valadouro e Alfoz para visitar o Museo do Mel, o castelo de Castrodouro e a Finca Galea.
O venres a Asociación de Mulleres Rurais da Agra, de Lugo, e a Asociación Castro de Rei de Lemos, de Paradela, rematarán a semana con viaxes á Montaña e á Mariña. Os primeiros visitarán Piornedo e Navia de Suarna, e os segundos visitarán Barreiros e Ribadeo.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.