Deles, sete de prazas libres tomaron posesión hoxe mentres que os outros tres de mobilidade xa o fixeron a pasada semana. En breve se sumarán outros sete, que están en formación na Academia, e se cubrirán seis postos no organigrama de mandos.
A alcaldesa destacou a formación dos novos axentes, algúns no ámbito sanitario, ao tempo que sinalou que "é unha profesión dura, pero nesta cidade moi recoñecida".
Paula Alvarellos tamén puxo en valor que nestas incorporacións haxa dúas mulleres porque "é algo bo para aportar visións diferentes no corpo e fomentar a igualdade".
Lugo incorpora desde mañá a dez novos axentes ao seu corpo da Policía Local. Deles, sete de prazas libres tomaron hoxe posesión, mentres que os outros tres de mobilidade xa o fixeron a pasada semana. Este non será o único reforzo, xa que en breve se incorporarán outros sete axentes, que actualmente están en formación na Academia, e se cubrirán seis postos no organigrama de mandos. Así o explicou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, trala toma de posesión desta mañá dos novos axentes, acto no que estivo acompañada polo Intendente Xefe, Jesús Piñeiro, e polo Inspector, José Manuel Río Espiño.
A alcaldesa oficializou a toma de posesión dos sete novos axentes e a sinatura das actas que lles acreditan como funcionarias e funcionarios de carreira e destacou "a vosa gran formación, algúns no eido sanitario" ao tempo que lles desexou sorte para exercer "unha profesión dura, pero que nesta cidade é moi recoñecida".
Paula Alvarellos eloxiou o traballo e o servizo que se desempeña desde a Policía Local de Lugo e asegurou que "este é un corpo excepcional e modélico, que se recoñece incluso fóra da nosa cidade, e polo que as e os lucenses estamos tremendamente orgullosos"; pero ademais puxo en valor a incorporación da muller á Policía Local, xa que neste novo reforzo hai dúas axentes. "É importante que as mulleres demos ese paso ao fronte. Coa incorporación de axentes femininas á Policía Local non só se fomenta a igualdade neste corpo senón que se aporta unha visión diferente, que é algo bo e que enriquece", sinalou Alvarellos Fondo.
A rexedora municipal explicou que "a incorporación desde mañá destes dez axentes nas rúas de Lugo reforza o noso compromiso de ofrecer un servizo próximo e de calidade. Estes profesionais suman experiencias destacadas, o que sen dúbida enriquecerá a atención á cidadanía". Ademais, con este incremento de axentes, o Concello de Lugo "sigue mellorando os ratios de policía por habitante, aumentando a sensación de seguridade que se transmite ás e aos habitantes de Lugo", subliñou a alcaldesa.
O Executivo de Paula Alvarellos sigue adiante coa incorporación ao corpo de funcionarios de carreira co obxectivo de "contar cunha policía máis próxima aos cidadás e cidadáns, para o que xoga un papel fundamental a esencia deste corpo, constituído ao servizo da sociedade. Estamos realmente satisfeitos de poder contar con profesionais cuxa empatía e solidariedade forma parte indivisible da súa vocación de servizo público, aspecto que redunda nun Lugo aínda máis seguro", explicou a alcaldesa.
Neste senso, hai que lembrar que actualmente o cadro de persoal da Policía Local está integrado por 125 axentes, aos que nos próximos meses se sumarán outros sete axentes e un mando por mobilidade. Deste xeito o Executivo de Paula Alvarellos sigue adiante para cumprir co obxectivo de irse aproximando ata os 140 operativos da Policía Local, tal e como establece a Relación de Postos de Traballo.