Os integrantes do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Lugo recibiron este luns formación específica para o control de emerxencias en parques eólicos e aeroxeneradores. O concelleiro de Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, participou na xornada que estivo impartida por técnicos da empresa Tecforse Formación e promovida pola compañía Naturgy.
"O traballo que desempeñan estes profesionais esixe unha actualización constante en técnicas de rescate, prevención e primeiros auxilios, pois os riscos e as situacións que deben afrontar son complexos e variados. A través desta formación continua, garantimos non só a súa seguridade, senón tamén unha resposta rápida e eficaz ante calquera emerxencia que poida xurdir e ante a que deban actuar", apuntou o edil.
A sesión formativa comezou no parque de bombeiros de Lugo e a continuación os membros do corpo desprazáronse ao parque eólico de Monciro para realizar, en primeiro lugar, un exercicio técnico coa subida a un aeroxenerador e, finalmente, un simulacro de emerxencia, mediante o rescate a unha persoa. O vindeiro 20 de novembro, o SPEIS participará nunha nova sesión formativa, que consistirá, neste caso, no simulacro dun incendio debido a un verquido de aceite, e que terá lugar na subestación eléctrica da rúa Bogavante, en Lamas de Prado.