A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo de Lugo, Pilar García Porto, e o técnico en Vitivinicultura e Enoloxía e autor da recoñecida Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia, Luis Paadín, presentaron este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, a segunda edición do Túnel do Viño. Esta iniciativa gratuíta terá lugar o vindeiro venres, 15 de novembro, no Pazo de San Marcos e pretende achegar os viños locais procedentes da D.O. Ribeira Sacra e a IXP Terras de Navia ao público en xeral, aos profesionais do sector da enoloxía e aos adegueiros da provincia.
García Porto sinalou que a institución provincial pon en marcha este evento da man de Paadín "todo un referente no mundo vitivinícola" co obxectivo de "dar visibilidade e poñer en valor un dos nosos produtos, o viño" subliñou a Deputada, que tamén destacou a súa "calidade excepcional que vai máis alá da propia gastronomía e forma parte da nosa identidade".
Pilar García Porto incidiu no "enorme potencial" que ten a provincia de Lugo neste eido e recalcou que "o sector vitivinícola supón un importante motor para a nosa economía e un factor fundamental á hora de crear emprego e xerar riqueza no territorio, especialmente nas zonas máis rurais".
Nesta liña, a Deputada destacou que "non só se trata dun importante revulsivo económico e unha representación da nosa cultura e tradición, senón que tamén é un auténtico reclamo turístico e un selo de identidade da nosa terra. Por iso, apostamos por iniciativas coma esta que van na liña turística que defendemos desde a institución provincial. Un turismo non masificado, de proximidade, de calidade e sostible".
Para rematar a súa intervención, a Deputada convidou a todas as persoas interesadas a "desfrutar desta experiencia sensorial única" e amosou o seu agradecemento a Luis Paadín "por ter a capacidade de aproveitar ao máximo un dos nosos produtos e poñer en marcha iniciativas coma esta", finalizou.
Pola súa banda, Luis Paadín amosou o seu agradecemento á institución provincial resaltando a importancia desta colaboración para o sector "unha vez máis a Deputación de Lugo demostra a súa clara aposta polo sector vitivinícola da provincia e o potencial dos viños de Lugo para alcanzar novos mercados", destacou.
Programación
O evento dará comezo ás 17:00 horas cunha masterclass dirixida a profesionais do sector e a medios de comunicación na que intervirán Luis Paadín e o periodista e consultor internacional de viños, Frédéric Galtier, que compartirá a súa experiencia como representante en España do Concurso Mundial de Bruselas. Ademais, ambos expertos analizarán as tendencias e oportunidades dos viños lucenses nos mercados nacionais e internacionais.
A xornada continuará ás 18:30 horas co túnel do viño -aberto a todo o público- no que os participantes poderán coñecer e valorar máis de cen viños da provincia, procedentes da D.O. Ribeira Sacra e a IXP Terras do Navia. Cada asistente recibirá un kit de sumiller no que se inclúe unha copa individual e unha libreta con información detallada de cada un dos viños dispoñible co fin de que poidan puntualos e rexistrar as súas preferencias.