O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acendeu este martes as luces de Nadal da fachada do Pazo de San Marcos, que este ano contan cun motivo dos Reis Magos. No acto, aberto ao público e que contou cun obradoiro de medio ambiente para a realización de adornos de Nadal con materiais reciclados e a actuación do grupo infantil Os Bolechas, participaron preto dun cento de familias.
Sinalou Tomé Roca que a institución manterá a iluminación instalada durante as festas e que "as luces son unha boa maneira de contribuír a crear ambiente festivo nas rúas, dinamizar o comercio local e animar ao turismo", engadindo que o Pazo de San Marcos está situado no centro histórico da capital da provincia, nunha praza con moito movemento porque ten numerosos comercios e cafeterías. Nese sentido engadiu que este ano a Deputación inclúe ademais actividades para toda a familia, precisamente para reforzar esa vontade de encher de maxia o corazón de Lugo.
Os elementos decorativos empregan tecnoloxías LED de alta eficiencia, o que supón un aforro enerxético e económico e ademais dos Reis Magos, inclúen cortinas horizontais e verticais; estrelas de Nadal e copos de neve propios da época do ano.
Obradoiro de adornos reciclados e actuación dos Bolechas
Antes do acendido das luces, a Deputación de Lugo ofreceu o obradoiro gratuíto O Nadal na Deputación, no que os asistentes de todas as idades elaboraron adornos tradicionais de Nadal a partir de materiais reciclados. Paralelamente, o grupo infantil Os Bolechas ofreceu un espectáculo dirixido a toda a familia, con especial atención aos máis pequenos, enchendo a praza de música e diversión.