A gran Cabalgata de Reis da cidade de Ourense do vindeiro domingo, día 5 de xaneiro, sairá en torno ás 18.00 horas da estación de tren, con destino á Praza Maior da cidade, e repartirá 3 toneladas de caramelos aos nenos e ás nenas que saian ás rúas para saudar os reis magos nesta tradicional cita do Nadal en Ourense.
Este ano, a cabalgata non pasará pola Avenida das Caldas, xa que se atopa en obras, polo que os Reis Magos e a súa comitiva avanzarán desde a estación pola rúa Xesús Pousa, a Ponte do Milenio, o Pavillón dos Remedios e a rúa do Progreso, rematando na Praza Maior
Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tren á estación de Ourense en torno ás 17.30 horas. Sobre ás 18.00 horas, sairá a cabalgata, cunha comitiva formada por unha vintena de grupos de animación e carrozas: as tres dos reis máis unha musical, na que actuará o grupo Broken Peach.
Os horarios aproximados de paso previstos pola organización son:
- 18.00 horas. Saída desde a estación de tren cara á Ponte do Milenio, pola rúa Xesús Pousa
- 18.30 horas Paso polo Pavillón dos Remedios e a rúa do Progreso
- 19.00 horas. Paso pola Alameda
- 19.30 horas. Praza Maior, onde terá lugar a Recepción Real. Os Reis Magos visitarán o portal de Belén instalado pola Asociación de Belenistas nos soportais da Casa do Concello e, a continuación, saudarán o público asistente desde o balcón do salón de plenos.
A organización lembra que á Praza Maior accederán os reis magos e a súa comitiva de acompañantes, pero non as carrozas. Tamén informa de que o público non poderá presenciar a Cabalgata na Ponte do Milenio nin na rúa Doutor Marañón, polo que convida a que a xente que o desexe acuda a outras rúas próximas para desfrutar co espectáculo. Como en anos anteriores, tamén haberá espazos reservados para persoas con mobilidade reducida, na estación de tren, nos antigos xulgados e na Praza de Bispo Cesáreo.
Para amenizar a espera polo paso da cabalgata, 3 charangas actuarán a partir das 17.00 horas. Unha delas estará entre o colexio Salesianos e a rúa Xoán XXIII, outra entre Xoán XXIII e o Pazo da Deputación e outra entre o Pazo da Deputación e a Alameda.