O cambio no punto de saída da Cabalgata de Reis de mañá, domingo, día 5 de xaneiro, conleva un novo dispositivo de tráfico na cidade. Ao non saír desde a estación de tren senón desde o Pavillón dos Remedios, non será necesario executar os cortes de tráfico programados para as 15.30 horas no barrio da Ponte.
O primeiro corte de tráfico será ás 16.00 horas e afectará á Ponte do Milenio, á rúa Pardo de Cela e á rúa do Progreso, no treito que vai desde a Praza de Concepción Arenal até o cruzamento coa rúa Ervedelo. A partir das 16.30 pecharase o seguinte treito de Progreso, até o Xardín do Posío.
Ao afectar a unha das arterias principais do tráfico na cidade, como é a rúa do Progreso, a Policía Local do Concello de Ourense recomenda que nos minutos previos se evite acceder con vehículos ás zonas afectadas e que se usen itinerarios alternativos. Quen desexe acceder ao centro da cidade desde A Ponte poderá facelo a través da Ponte do Ribeiriño ou da Ponte Nova, e quen desexe facelo desde o Xardín do Posío poderá desviarse por Marcelo Macías – Avenida de Portugal - barrio do Couto o pola rúa da Coruña – Pena Trevinca – Pardo Bazán – Avenida da Habana.