A programación de actividades organizadas polo Concello de Ourense para celebrar o Nadal 2024/2025 remata cun balance moi positivo para o goberno municipal, que cualifica de "éxito total" a relación de propostas que durante as últimas semanas se desenvolveron na cidade.
A iluminación festiva das rúas, a visita de Papá Noel cos seus renos, os espectáculos do Auditorio municipal ou a Festa de Fin de Ano na Alameda foron algunhas das propostas máis destacadas polo goberno municipal, dunha programación marcada pola masiva participación de público que tivo como colofón a Cabalgata de Reis do día 5 de xaneiro
"O balance que facemos destas festas é que foron un éxito total", aseguraba esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. "Todos os eventos tiveron unha participación impresionante e o colofón foi a cabalgata do domingo. Foi multitudinaria e moi vistosa, a xente quedou encantada, a chuvia respectounos e foi moi ben organizada loxisticamente".
O alcalde repasaba as citas máis destacadas da programación na cidade, comezando co acendido da iluminación de Nadal, o día 5 de decembro, na Alameda, cun acto "multitudinario" que serviu para activar unha iluminación "magnífica, que chegou a todos os barrios da cidade, con máis luces que nunca, e reforzada con elementos decorativos".
Tamén subliñou a excelente resposta do público ourensán á visita de Papá Noel, cos seus renos, no seu desfile polo centro da cidade, o día 21 de decembro, así como na recepción no Auditorio, co espectáculo de Pablo Méndez que tivo lugar o día 23. As 3 sesións encheron o auditorio municipal, como tamén o fixeron os diferentes espectáculos programados neste espazo, as Perseidas ou o Gran Concerto de Aninovo, a cargo de Rubén Simeó. "Todos sold out, todas as entradas vendidas", resaltou Gonzalo Jácome.
A multitudinaria festa de Fin e Ano e Aninovo, coa orquestra París de Noia e as actuacións da carroza musical foron outras propostas resaltadas polo rexedor, dunha programación que contou tamén con atractivos como o Poboado de Nadal de Bispo Cesáreo, o Carrusel na Praza Maior, o Mercado de Nadal no Parque de San Lázaro, as atraccións infantís no Xardín do Posío ou o Belén de Arturo Baltar na Praza de San Cosme, e propostas deportivas cunha alta participación, como a San Silvestre e a carreira da Costiña de Canedo.
A programación contribuíu a dinamizar a cidade e dotala dun extraordinario ambiente festivo. "Vías nas rúas da cidade máis xente ca nunca. Iso significa que cando fas cousas interesantes e bonitas, a xente sae. Ademais, a xente chama a xente. Isto fai que moitas persoas que veñen uns días visitar a súa familia, queden uns días máis do previsto, porque a cidade ten vida", manifestou Gonzalo Jácome.