A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada polos inspectores José Manuel Río Espiño e José Luis Piñeiro Santos, presidiu esta mañá a toma de posesión de sete novos axentes da Policía Local, que se incorporarán en prácticas o vindeiro mes de xuño. A rexedora municipal deulles a benvida no acto celebrado no salón de plenos e lembroulles que acceden "a un corpo moi valorado pola cidadanía lucense". "A xente quere que a Policía estea nas rúas, porque aínda que Lugo non é unha cidade insegura, a presencia policial é algo moi valorado".
Paula Alvarellos felicitoulles tanto pola súa incorporación ao corpo como polos seus expedientes académicos, xa que segundo destacou o inspector José Manuel Río, "estes axentes distínguense por ser dos mellores da súa promoción", o que a xuízo da alcaldesa "demostra claramente a vosa vocación de servizo público".
Estes sete novos axentes, que superaron o proceso selectivo de Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública, proceden na súa maioría de Lugo, aínda que tamén de Ourense e Asturias. Trátase de: Christopher López Vázquez, Carlos López González, Mario Lorido Rodríguez, Diego Babarro González, Carlos Manuel Pernas Parapar, Jesús Souto Vigo e Alejandro Rodríguez Lopez.