O Concello de Lugo estará presente na próxima edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro de 2025, cunha nova campaña promocional titulada "Lugo, parte do teu camiño", que invita a descubrir a riqueza histórica, cultural e natural do municipio.
A alcaldesa, Paula Alvarellos, será a encargada de presentar esta campaña, que vai en consonancia coa proposta que achegará a Concellería de Cultura, nun dos encontros de maior relevancia para o sector turístico a nivel internacional, co obxectivo de consolidar a posición de Lugo como destino turístico de referencia en Galicia e no norte de España.
A campaña incorpora como elemento central un novo spot promocional, que amosa a cidade de Lugo a través dos ollos dun peregrino. "Este viaxeiro percorre a Vía Künig e o Camiño Primitivo ata chegar a Lugo, onde descobre a riqueza histórica, cultural e gastronómica da cidade. A través de imaxes da Muralla, a Catedral e o casco histórico, o vídeo reflicte como Lugo é moito máis que unha parada no camiño: é un destino que deixa pegada", explicou a rexedora.
"Así mesmo, queremos poñer en valor a posición de Lugo como punto de confluencia destas dúas importantes rutas xacobeas: o Camiño Primitivo, a ruta máis antiga a Santiago de Compostela, e a Vía Künig, un itinerario histórico que ofrece unha alternativa menos coñecida pero igualmente fascinante para os peregrinos", engadiu.
O turismo como motor de dinamización
A alcaldesa de Lugo destacou "a importancia estratéxica do sector turístico para o desenvolvemento económico e social do municipio, subliñando o seu papel como motor clave de emprego e dinamización cultural". Neste senso, puxo en valor o impacto positivo que iniciativas coma esta teñen para a proxección internacional de Lugo, salientando que "FITUR é unha oportunidade única para posicionar a cidade no mercado turístico global e atraer visitantes interesados en experiencias auténticas e sostibles".
Por iso, esta campaña busca "presentar Lugo como un destino que vai máis alá da súa historia e patrimonio, destacando tamén a súa oferta cultural, gastronómica e natural como elementos diferenciadores no panorama turístico actual", explicou.
Presentación en FITUR 2025
A presentación oficial da campaña terá lugar no stand de Galicia o vindeiro venres 24 de xaneiro, ás 11:30 horas. Durante o acto, exporanse materiais promocionais como folletos informativos e o novo spot audiovisual.
Con esta proposta, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa promoción dun turismo sostible e de calidade, convidando a todos os asistentes a FITUR a descubrir porque Lugo é "parte do seu camiño".