O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores en Madrid na Feira Internacional de Turismo (FITUR) na presentación do xeodestino Ribeira Sacra, Candidatura a Patrimonio Mundial e compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, que se celebrou no stand de Turismo de Galicia. A este acto tamén asistiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, o Presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e o Presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, entre outras autoridades.
O mandatario provincial subliñou que a comarca da Ribeira Sacra é "un destino que sempre me gusta definir como un anaco de paraíso no interior de Galicia. Un recuncho singular que non é simplemente unha paisaxe excepcional, senón que se trata dun enclave inigualable que representa parte da nosa tradición e historia".
Na súa intervención, Tomé Roca lembrou que "estamos vivindo un momento crucial para esta comarca coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade" e recalcou que "a Deputación de Lugo impulsou, desde un primeiro momento, a consecución desta distinción internacional e continuaremos realizándoo para que a Ribeira Sacra reciba este prestixioso recoñecemento". Por último, rematou facendo fincapé na importancia de traballar "de forma conxunta para facelo realidade".
Proxecto Turembalse
Por outra banda, nesta primeira xornada de FITUR 2025 a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sumouse á presentación do proxecto Turembalse, que tivo lugar no stand de Turismo de Navarra.
García Porto recalcou que a institución provincial forma parte desta iniciativa "relacionada coa auga, porque está aliñada coa nosa aposta por un turismo sostible, de calidade, que coida do patrimonio e deixa un alto valor no territorio".
"Desde a Deputación de Lugo consideramos que os encoros son un recurso natural de gran valor, que poden potenciarse de forma responsable e sostible. Este proxecto reflexa, precisamente, unha aposta clara por aproveitar as augas interiores como motor turístico, sen comprometer ao medio ambiente", avanzou.
Fitur 2025
Ademais destes actos, José Tomé tamén asistiu, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, á presentación da XVII edición da guía da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL) ... E para comer Lugo.
A axenda continuará este xoves coa presenza da Deputación de Lugo nas presentacións dos proxectos turísticos da Mancomunidade de Concellos de Mariña e Expomar.