O 112 Galicia vén de rexistrar un total de 1392 incidencias relacionadas coa borrasca Herminia, a cal está a afectar durante estes días ao territorio galego. No día de hoxe houbo un total de 255 ata o momento.
A provincia que máis está a notar os efectos de Herminia continúa a ser a da Coruña (552), seguido da de Pontevedra (533). Polo de agora, en Lugo houbo un total de 212 sucesos en relación co temporal mentres que en Ourense contabilizáronse 93. Do mesmo xeito, os concellos que máis incidencias reportaron na provincia coruñesa foron Santiago (48), A Coruña (25) e Teo (18). En Pontevedra, Vigo foi a cidade máis afectada con 98 incidentes, seguida da Estrada (47) e Pontevedra (32). En Lugo, rexistráronse ata 17 incidencias en Mondoñedo, mentres que en Ourense foi Ribadavia o concello con máis reportes, cun total de 8.
Ao longo desta mañá tiveron lugar varios sucesos destacados, aínda que ningún no que houbese danos persoais polo momento.
Pouco antes das 10:00 horas, os Bombeiros de Ribeira indicaron que se ían desprazar ata a Pobra do Caramiñal por mor dunha cuberta que se soltou do campo de fútbol do colexio, sen que ninguén se vise afectado. Máis tarde, un cuarto de hora despois das 12:00, chegou un aviso ao 112 Galicia por xente atrapada pola neve nunha estrada de Pedrafita do Cebreiro.
Por último, varios particulares informaron dun coche parcialmente metido no río en Santiago, na parroquia de Cesar, nunha zona difícil de acceder. Os alertadores non puideron confirmar a presencia de alguén dentro do vehículo, polo que os servizos de emerxencias desprazáronse ata o punto para certificar que non houbese feridos.