O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, mantivo un encontro este venres no Centro de Interpretación Terras do Miño cos 20 nenos e nenas que están a participar na segunda edición do programa Exploradores do Miño. Nesta iniciativa gratuíta, posta en marcha pola institución provincial o ano pasado, cativos e cativas de 6 a 11 anos de idade están a aprender cuestións relacionadas coa educación ambiental ata finais de xuño.
José Tomé saudou ao grupos de rapaces e referíndose á Reserva da Biosfera Terras do Miño recordoulles que "estades nun lugar único, un auténtico tesouro da natureza, o que significa que debemos coidalo. Vós sodes os gardiáns máis importantes e tedes o poder de axudar a que os ríos sigan limpos, as árbores continúen medrando e os animais teñan un lugar seguro".
![Foto de la noticia](https://pictures.lanocion.es/2025/febrero/7/0_640wt/070225-visita-do-presidente-aos-participantes-de-exploradores-do-min771o.jpeg)
Nesta visita, na que o mandatario provincial entregou a cada participante un kit de produtos coa imaxe do programa, agradeceulles a súa implicación coa protección da contorna natural. "Sabemos que estades aprendendo moito neste obradoiro e vós sodes o futuro da nosa provincia. O voso compromiso é clave para que as Terras do Miño continúe a ser un lugar máxico durante moitos anos", subliñou.
Exploradores do Miño
A segunda edición deste programa arrancou o 24 de xaneiro e os nenos e nenas participantes están a interiorizar diferentes coñecementos de educación ambiental a través dunha vintena de actividades relacionadas coa reciclaxe, o ciclo da auga, os animais da biosfera ou a plantación de especies hortícolas autóctonas. Ademais, tamén se trata dunha iniciativa que favorece a conciliación persoal e laboral das familias.