A Xunta de Goberno de Santiago aprobou hoxe as bases da convocatoria da cuarta edición do Premio Exeria para proxectos de creación literaria, un certame que ten por obxecto incentivar a creatividade e a producción literaria escritas en lingua galega. O premio está dotado con 3.000 € e unha estadía na residencia La Baldi, sita na vila de Montegiovi (Italia). O executivo municipal tamén adxudicou o contrato de servizo e asistencia técnica para a coordinación e funcionamento da casa das mulleres "Xohana Torres" (CXT) e do servizo de asesoramento LGBTIQ+ do Concello de Santiago, por un importe total de 142.230 euros á empresa DESENVOLVEMENTO LOCAL GALEGO SL.
Trátase da cuarta edición do Premio convocado pola Concellaría de Acción Cultural, en colaboración coa entidade "Residencia Literaria 1863", xestionada pola autora Yolanda Castaño, co obxecto de apoiar procesos de creación de autores e autoras compostelás.
O obxectivo do premio, dotado con 3.000 euros, é fornecer á persoa gañadora dun espazo, un tempo e unha contorna axeitada para que se dedique en exclusiva a desenvolver o seu proxecto creativo dentro dun ámbito internacional. O espazo é a Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, contorno rural do sur da Toscana, onde a persoa gañadora poderá traballar na súa obra durante todo o mes de agosto.

As persoas gañadoras das edicións anteriores foron: Xosé Carlos Carracedo Porto (2024), José Luis Baños de Cos (2023) e Ana Cabaleiro (2022).
Centro Xohana Torres
O executivo municipal tamén acordou a adxudicación á empresa DESENVOLVEMENTO LOCAL GALEGO SL, do contrato que ten por obxecto o servizo e asistencia técnica para a coordinación e funcionamento da casa das mulleres "Xohana Torres" (CXT) e do servizo de asesoramento LGBTIQ+ do Concello de Santiago, por un importe total de 142.230 euros (base impoñible de 129.300,00€ + IVE do 21% de 12.930,00 euros), que se distribuirá nas seguintes anualidades: 59.262,50 euros (2025), 71.115 euros (2026) e 11.852,50 euros (2027).
A coordinación da Casa Xohana Torres víñase realizando nos últimos anos, a través de contratos menores que permitían ofrecer programación dunha forma moi restrinxida e limitando moito as horas de atención presencial. Con esta nova licitación vaise garantir que este espazo estea aberto ao público diariamente, tanto na función de asesoramento e atención a persoas e entidades, como no establecemento dunha programación propia máis enriquecida e estable, aínda que se manterá o mecanismo de reserva de espazos para que as entidades que o desexen poidan seguir utilizándoo fóra das horas de atención ordinarias.
A Casa Xohana Torres estará xestionada por un equipo multidisciplinar formado por 7 profesionais: unha persoa responsable da coordinación xeral da casa, unha persoa especialista en políticas de xénero, unha persoa de comunicación e unha educadora social. Para a atención específica do Servizo de Asesoramento LGBTI, contarase cun servizo de asesoría xurídica e psicoloxía. Todos os perfís profesionais que se incorporen á casa deberán ter formación específica en igualdade. Con este equipo multidisciplinar actuarase sobre tres eixes: na coordinación e dinamización da actividade propia da Casa; na atención e asesoramento a persoas e colectivos; e no aspecto da intervención comunitaria.
Paso de peóns na rúa dos Loureiros
O exectivo municipal tamén deu luz verde ao expediente que ten por obxecto a licitación das obras para a implantación dun paso de peóns na rúa dos Loureiros, cun orzamento base de licitación de 85.613,02 € (base impoñible de 70.754,56 € máis IVE do 21% polo importe de 14.858,46 €).
A intervención consistirá na construción dun novo paso de peóns á altura do número 35 da rúa dos Loureiros, co fin de mellorar a comunicación peonil entre ambas as beirarrúas, eliminando varios espazos de estacionamento en superficie e creando unha plataforma única cun pavimento de granito. O obxectivo desta actuación é dotar esta vía dun percorrido seguro para os/as escolares que favoreza a autonomía da rapazada nos seus desprazamentos ao colexio.
Obradoiros de conciliación das escolas infantís
A Xunta de Goberno tamén aprobou o procedemento e baremación dos obradoiros para a conciliación familiar, laboral e persoal nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para este verán e para curso escolar 2025-26. O prazo de reserva de prazas para o alumnado xa matriculado no curso escolar 2024-2025, así como para os/as fillos/as dos/as traballadores/as das escolas infantís será entre os días 1 e o 9 de abril de 2025 (ambos os dous inclusive).